O lecer e a concienciación únense este sábado no Concello de Cariño.
- Ás 16:00 horas terá lugar unha charla informativa sobre a prevención do cancro de mama no Local Social do Concello.
- Ás 18:00 horas Os Bolechas actuarán nun espectáculo para todos os públicos programado na Casa da Cultura.
O Concello de Cariño presenta para esta fin de semana unha dobre cita que combina o entretemento familiar coa sensibilización en materia de saúde. Este sábado, 29 de novembro, o municipio do Ortegal acollerá dúas actividades abertas ao público e dirixidas a todos os veciños e veciñas.
Por unha banda, ás 16:00 horas, o Local Social será o escenario dunha charla informativa sobre a prevención do cancro de mama, organizada por ADICAM coa colaboración do Concello de Cariño e da Asociación Cultural O Peiral Cariño.
Enmarcada na campaña ‘Apálpate’, a sesión abordará a importancia da detección precoz, dos hábitos de vida saudables e da autoexploración como ferramenta fundamental para a prevención. A charla está aberta a todas as persoas interesadas.
Por outra banda, a partir das 18:00 horas, a Casa da Cultura de Cariño acollerá o espectáculo ‘A muller orquestra’ de Os Bolechas, unha proposta cargada de música, humor e diversión pensada para gozar en familia.
A actividade, con entrada libre e gratuíta, forma parte do programa FalaRedes, impulsado pola Xunta de Galicia para fomentar o uso do galego entre a mocidade.

