Qué ver
Ruta dos miradoiros
A Ruta dos Miradoiros do Concello de Cariño é unha das mellores formas de coñecer a espectacular paisaxe da Serra da Capelada e do Cabo Ortegal. Ao longo da costa, entre cantís vertixinosos, rías tranquilas e vilas mariñeiras, ergúense distintos puntos panorámicos que permiten contemplar o mar e a montaña.
Miradoiro da Vixía Herbeira
Situado a 613 metros de altura, nos cantís máis elevados da Europa continental, ofrece unha das panorámicas máis impoñentes do Atlántico. Aquí atópase tamén a Garita de Herbeira, unha construción de pedra do século XVIII destinada á vixilancia costeira, que engade valor histórico ao lugar.

Miradoiro do Limo
Desde este punto obsérvase a ría de Ortigueira en contraste cos cantís. O visitante pode gozar dunha fermosa estampa na que destacan o porto e a vila de Cariño, xunto coa Punta da Estaca de Bares ao fondo.

Miradoiro da Miranda
A 493 metros de altitude, no cumio do monte do mesmo nome, permite unha visión panorámica case completa. Desde aquí pódese divisar a Ría de Cariño-Ortigueira, as serras da Capelada, Faladora e Coriscada, así como a Estaca de Bares, o punto máis setentrional da Península Ibérica.

Miradoiro dos Cantís do Cadro
Un balcón natural sobre o océano que mostra as vistas incribles dos cantís e da Serra da Capelada.

Miradoiro de Malveira
Este miradoiro serve como punto inicial dunha ruta lineal de dificultade media-alta, con duración aproximada de 3 horas só de ida. A senda atravesa a Serra da Capelada desde A Malveira e permite chegar ao Miradoiro da Vixía Herbeira ou ao Miradoiro da Miranda.

Cabo Ortegal
Un dos enclaves máis emblemáticos da costa galega. O seu faro, pintado en franxas vermellas e brancas, domina un espazo no que se ergue a forza dos Aguillóns, illotes rochosos que marcan a unión simbólica entre o Atlántico e o Cantábrico.

Ruta recomendada
Esta ruta céntrase nos tres miradoiros máis destacados da Serra da Capelada: A Malveira, A Miranda e A Vixía Herbeira, ofrecendo unha experiencia panorámica completa sobre a costa de Cariño.
O punto inicial é o Mirador de A Malveira (no Cabo Ortegal), con vistas directas ao océano Atlántico e acceso á contorna natural da Capelada. Desde aquí, empréndese unha senda lineal. O percorrido atraviesa o Monte Faroleiro (334 m.) e pasa detrás da aldea de A Vacariza, continuando por un camiño de terra que conduce aos Miradoiros do Limo (380 m) e de Lodeiro (390 m), con vistas abertas á Ría de Cariño-Ortigueira.
A continuación, a ruta chega á zona da Fornela, dende onde se poden admirar os impresionantes Cantís do Cadro, os máis escarpados da zona. O itinerario permite ascender a dous puntos finais opcionais: o Miradoiro da Miranda (493 m.), cunha panorámica case de 360º sobre a ría e as serras circundantes, ou o Miradoiro da Vixía Herbeira (613 m.), desde o cal se contemplan os cantís máis altos da Europa continental e o horizonte do Atlántico.
