CONCELLO

O Concello

O concello de Cariño está situado na península do Ortegal, pertencente á provincia da Coruña, no extremo norte de Galicia. Ten unha extensión de 46 km2 e conta na actualidade cunha poboación de 4167 habitantes (2015). Cariño é a capital do concello, situada ao norte do territorio municipal, e forma coa Pedra un núcleo urbano de 3500 habitantes que conta con todos os servizos.

O municipio conta con dúas partes diferenciadas: cara ao Oeste, a Serra da Capelada, e a Ría de Cariño-Ortigueira cara ao Leste, onde se sitúan os núcleos de poboación.

A Serra da Capelada alberga a zona de Cantís máis altos da Europa Continental e Costeira, que con 600m de altitude no miradoiro de Vixía de Herbeira, forman un espectacular conxunto agreste e caen de forma abrupta ata o mar.

A Ría de Cariño-Ortigueira é un val fluvial inundado polo mar de varios kms de extensión, e ten protexida a súa parte interna, como Zona de Especial Protección de Aves así como polo convenio internacional de protección e Humidais RAMSAR e tamén como Zona de Especial Conservación. Nela atoparemos unha sucesión de cantís e praias, na súa parte externa, e de enseadas e marismas na súa parte interna.

Historia

A longa historia do actual Concello de Cariño remóntase ao Paleolítico, etapa da que se coñecen diversos materiais líticos atopados na Serra da Capelada. Na mesma serra atopamos como mostras do Neolítico algúns túmulos funerarios ou mámoas, enterramentos consistentes nun montículo de terra que cobre unha cámara (dolmen) construída con grandes pedras.

Da Idade do Ferro, en Galicia Cultura Castrexa, consérvanse os restos dos cinco castros catalogados no Concello. A este período pertencen asemade dous importantes achados: un puñal de antenas e un machado votivo. Ademais, diversos investigadores relacionan o Cabo Ortegal e os Aguillóns cos topónimos Trileuco e Lapatiancorum promontorium, o que amosaría a importancia destes accidentes xeográficos na navegación antiga.

Como vestixios da época romana e altomedieval temos os restos localizados nos arredores da ermida de San Xiao do Trebo, en cuxos muros se reempregaron tégulas e fragmentos de cerámica romana. Á época medieval pertence a Pena do Castelo -na parroquia da Pedra-, unha escarpada elevación rochosa na cal se aprecian restos de muros de cachotería e materiais cerámicos en superficie.

As primeiras referencias escritas de Cariño atopámolas nun documento do Mosteiro de San Martiño de Xubia, datado no 1101, no cal se efectúa unha permuta de posesións entre nobres, entre as que se inclúen terras «in Villa de Carino et alia in Sancto Juliano de Trebula».

Na Idade Moderna Cariño é un pequeno porto pesqueiro natural no que viven uns 200 habitantes no ano 1580. Aínda que o marqués de Astorga instala unha ferrería en Feás no século XVII, o feito socioeconómico máis relevante foi o establecemento na vila, a finais do século XVIII, de industriais cataláns dedicados á conserva. Este suceso marca o inicio do proceso de industrialización conserveira que terá os seus momentos álxidos nos séculos XIX e XX. Tamén no século XVIII, en resposta ás incursións piratas, constrúense garitas de vixilancia como as situadas no Limo e Herbeira, no actual límite entre os concellos de Cariño e Cedeira.

Ao longo da historia, e ata a segregación, as cinco parroquias do actual concello estiveron sempre baixo a administración do Condado e Concello de Ortigueira, agás un breve período comprendido entre os anos 1823 e 1849, no que formaron parte do Concello de Veiga. En termos eclesiásticos, a vila de Cariño pertenceu á parroquia de Sta. María da Pedra ata o ano 1896, no que se crea a parroquia de San Bartolomeu.

A pesca e a industria conserveira provocan un notable incremento demográfico nos séculos XIX e XX. A finais do século XIX, o censo era duns 1000 habitantes na parroquia de Cariño e a suma das cinco parroquias do actual Concello alcanzaba a cifra de 3653 habitantes.

A memoria colectiva dos cariñeses está marcada polas constantes reivindicacións segregacionistas ante a marxinación exercida polas autoridades da vila de Ortigueira. Os desexos de independencia e rebeldía documéntanse xa no século XVI, pero será no século XX cando agromen con forza. No ano 1918 créase unha Xunta de Defensa con aspiracións segregacionistas, que edita catorce números do xornal El Pueblo de Cariño (1919). As emerxentes inquedanzas de independencia municipal crébanse en 1936 coa Guerra Civil e o inicio da ditadura franquista.

Coa chegada da transición democrática aparecen novas iniciativas veciñais, como a publicación da reivindicativa revista Nordeste, e prodúcense sonadas mobilizacións, como as destinadas a reclamar a construción dun instituto de bacharelato.

O liderado do movemento segregacionista corresponde á Asociación de Veciños, que inicia en 1982 un proceso de separación que durará seis anos, ata que o 21 de xaneiro de 1988 se aproba a creación do Concello de Cariño, no que foi, daquela, a primeira segregación municipal acontecida en Galicia.

Parroquias

O concello de Cariño conta con cinco parroquias nas que se subdivide o territorio municipal: Cariño, Feás, Landoi, A Pedra e Sismundi (as parroquias son divisións territoriais da administración eclesiástica, sen poder político actualmente, que datan da época da Gallaecia Sueva, s. VI).

A parroquia de Cariño é o núcleo principal do concello e tamén a súa capital. Conta con todos os servizos e dependencias municipais, así como co porto e a zona comercial. Ten unha parte nova, posterior a 1950 ao longo da Avenida da Constitución, e unha zona antiga, o Barrio Mariñeiro, que é un conxunto singular de vivendas mariñeiras situado nun triángulo de 8ha entre a praia, o porto e o cantil.

A parroquia da Pedra é a zona que limita ao Sur con Cariño. Na súa maior parte rural, conta cunha zona urbana que limita con Cariño polo Norte ao longo da Avenida da Cerca-Sagrón, e diversos asentamentos rurais, sendo o máis grande o de Figueiroa, que queda na península do mesmo nome. No seu centro está o pazo de Torres da Cerca, de propiedade privada. A igrexa de Sta. María é a máis antiga do concello e conta con dúas capelas románicas no seu interior.

A parroquia de Feás queda no extremo Sur do concello, na desembocadura do Río Seixo e está composta por varios núcleos habitados. Tamén chamada “Susavila”, foi escollida polo Marqués de Astorga no s. XVII para a instalación dunha ferrería. Tradicionalmente adicada á agricultura, comparte con Landoi a maior plantación de maciñeiras do concello, ao longo do val do Río Seixo. O esteiro do Río Seixo é unha zona natural protexida polo convenio RAMSAR como zona húmida de importancia internacional e tamén está declarada como Zona Especial de Protección de Aves.

A parroquia de Landoi, é unha zona natural privilexiada. Rodeada polo Oeste e Norte polos cumes da Herbeira e da Miranda, a súa zona habitada está nos vales dos Ríos Seixo e Orxeiro, e tamén na aba do Monte da Miranda. Os seus habitantes adícanse ao sector primario con importantes explotacións forestais de eucalipto e piñeiro, así como de maciñeiras, cuxa produción é destinada á elaboración de sidra. Nestes vales existe unha variedade típica de mazá: a mazá de ollo de Landoi, moi apreciada na zona.

A parroquia de Sismundi está situada nun pequeno val entre o Monte da Miranda e a Ría de Cariño-Ortigueira. Xusto nesta zona a Ría forma un meandro, estreitándose sinuosamente, feito aproveitado na época medieval para a construción dunha torre vixía na Punta, hoxe desaparecida, que controlaba a entrada de barcos en dirección Ortigueira. O seu topónimo débese probablemente ao señor que controlaba esta zona na época medieval, probablemente chamado Sexismundo.