Cariño celebrará o Samaín cunha fin de semana chea de actividades para toda a familia
- O Concello e a ANPA A Basteira propoñen unha programación cargada de xogos, degustacións, obradoiros e moitas sorpresas.
O Concello de Cariño celebrará esta fin de semana a tradicional festa do Samaín cun completo programa de actividades dirixidas a todas as idades. A celebración desenvolverase ao longo de dúas xornadas: unha primeira organizada pola ANPA A Basteira o venres 31 de outubro, e unha segunda impulsada polo Concello de Cariño o sábado 1 de novembro.
A programación dará comezo o venres ás 17:00 horas coa actividade Truco ou Trato, na que os máis pequenos poderán percorrer distintos establecementos do municipio na procura de doces e sorpresas. Ás 20:30 horas terán lugar, no Cobertizo, os sorteos do Reto do Samaín, destinados ás socias e socios da ANPA. Finalmente, a xornada rematará ás 22:00 horas no Mercado Municipal, onde un auténtico meigo celta contará a historia e as lendas do Samaín, poñendo o broche final á velada.
Xa o sábado, a celebración continuará a partir das 17:30 horas no Mercado Municipal cunha variada programación pensada para gozar en familia. Haberá xogos de axilidade, un hinchable, unha degustación de castañas asadas e unha orixinal cociña terrorífica, na que se elaborarán receitas deliciosas cun toque misterioso.
Ademais, o programa do sábado inclúe un obradoiro de reciclaxe, onde as persoas participantes poderán aprender de forma lúdica e creativa a importancia do respecto e coidado do medio ambiente.
Desde o Concello de Cariño anímase a todas as veciñas e veciños a participar nesta xornada e a acudir disfrazados cos seus atuendos máis terroríficos, todo para gozar dunha festa que cada ano conta cunha notable acollida no municipio.
