Saúda Alcalde


CARIÑO

Benvidos e benvidas á nova web do Concello de Cariño, unha xanela aberta dende o noso territorio ao mundo, un lugar no que toda persoa que así o desexe poderá asomar para coñecer esta espectacular terra bicada por un mar e un océano sobre os que se erguen os máis impresionantes cantís mariños, un acougo onde as rochas máis antigas da península ibérica gardan testemuño das civilizacións que algún día poboaron o noso territorio. Porque se algo define a Cariño é a súa indomable riqueza natural.

Pero non podemos deternos aí, queremos ir máis alá. A nosa intención non é outra que a web cumpra o cometido de axudar á cidadanía, facilitando á veciñanza información, servizos ou trámites municipais, sempre baixo o paraugas dunha clara vocación de servizo público. Nos tempos da internet a rede convírtese nunha constante no día a día do concello. Pretendemos que a información da actividade municipal chegue a todos vós de forma directa, áxil e inmediata, xa sexa mediante as dinámicas redes sociais municipais ou ben empregando o servizo de suscrición desta nova web, unha ferramenta que poñemos á vosa enteira disposición.

Convídovos pois a facer deste espazo un lugar de encontro virtual aínda que, se de verdade queredes sentir de preto a forza de Cariño, teredes que visitarnos.


Agardámosvos!

José Miguel Alonso Pumar

Alcalde do Concello de Cariño