Actualiade: Servizos sociais

O Concello de Cariño aproba o POS+ 2026 para gasto social cun orzamento próximo aos 50.000 euros

  • Destinarase principalmente a garantir o correcto funcionamento dos servizos sociais e a mellorar a atención ás persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, así como á adquisición de recursos.
  • A alcaldesa, Ana María López, afirma que “este investimento supón un paso importante na mellora dos nosos servizos sociais, apostando por unha atención máis digna e adaptada”.

O Concello de Cariño aprobou o Plan de Obras e Servizos (POS+) 2026 da Deputación Provincial da Coruña destinado a gasto social, unha achega que permitirá cubrir os gastos derivados da prestación dos servizos sociais municipais.

A contía total ascende a 49.138,45 euros, que se destinarán principalmente a garantir o correcto funcionamento dos servizos sociais e a mellorar a atención ás persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Como novidade, este é o primeiro ano no que unha parte do POS+ se empregará para a dotación de recursos materiais, concretamente para a adquisición de catro grúas e dous asentos xiratorios de baño, co obxectivo de dar resposta ás necesidades das persoas usuarias cun maior grao de dependencia. Estes novos recursos permitirán facilitar o traballo que realizan as profesionais do SAF, mellorando tanto a calidade do servizo prestado como as condicións laborais do persoal.

A alcaldesa de Cariño, Ana María López, destacou que “este investimento supón un paso importante na mellora dos nosos servizos sociais, apostando por unha atención máis digna e adaptada ás necesidades reais das persoas máis dependentes”. Así mesmo, sinalou que “a intención do Concello é continuar nesta liña nos vindeiros anos, incrementando progresivamente estes recursos en función das necesidades que nos traslade o departamento de Servizos Sociais”.

Nova publicada o