O Concello de Cariño presenta a súa programación de Nadal con múltiples actividades para todos os públicos
- As actividades darán comezo esta fin de semana e estenderanse durante todo o mes de decembro.
- A alcaldesa, Ana María López, destaca que “o obxectivo é ofrecer unha proposta atractiva, ilusionante e feita á medida de Cariño”.
O Concello de Cariño presenta a súa programación especial para estas festas do Nadal, un calendario cheo de actividades dirixidas a todos os públicos e especialmente aos máis pequenos do municipio. Segundo explica a alcaldesa, Ana María López, “deseñamos unhas festas variadas, participativas e cheas de propostas para que cada veciña e veciño atope o seu lugar. Música, artesanía, cultura ou tradición forman parte dunha programación concibida para gozar en comunidade. O noso obxectivo é ofrecer unha proposta atractiva, ilusionante e feita á medida de Cariño”.
As propostas comezarán esta mesma semana, con dúas citas xa consolidadas nestas datas como son o III Mercado de Artesanía e o Festival Benéfico de Aspromor, ambas programadas para o sábado 6 de decembro.
O III Mercado de Artesanía, organizado por Os Trasnos do Ortegal coa colaboración do Concello, terá lugar no Mercado Municipal de 11:00 a 21:00 horas. Contará con numerosos postos nos que artesáns da comarca mostrarán e porán á venda creacións únicas elaboradas a man.
De maneira paralela, a Rondalla de Cariño celebrará o Festival Benéfico do Nadal a favor de Aspromor, tamén coa colaboración municipal. Será a partir das 18:30 horas na Casa da Cultura, con entradas a 5 euros. A cita reunirá diversas agrupacións do Ortegal que amenizarán unha tarde solidaria conducida por María Garrote. Actuarán Zumba Kids, a Banda de Gaitas do Ortegal, Yarydance Samba de Medianoche, Batería do Cariño, Patinaxe Artística ANPA A Basteira, AF San Xiao do Trebo, Zumba O Peiral, a Coral Polifónica de Cariño, Lorena Ruiz, o Coro de Espasante e a Rondalla de Cariño.
Fin de semana cheo de propostas
O domingo 7 de decembro será a quenda do acendido do alumeado de Nadal e da terceira edición dos Cantos de Taberna. O acendido, organizado polo ANPA A Basteira, contará este ano coa participación de diferentes asociacións do municipio, cada unha encargada de iluminar un punto emblemático de Cariño. En total serán 16 localizacións, que se irán acendendo de maneira progresiva desde as 18:15 horas, comezando polo PAI e Gran Sol, ata finalizar na Praza Roxa.
De 19:00 a 22:00 horas celebraranse os III Cantos de Taberna, organizados por Nordeste Callado. Distintos grupos encargaranse de poñer a nota musical nos diversos establecementos hostaleiros. Actuarán No Cómbaro, Tocata X’ou, Os do 21, Rueiros, Espera que vou mexar, Brigantium, Foliada de Remior, Robolaxe, Retranka, Ledicia e Nordeste Callado. Ademais, haberá sorteos para o público e, a partir das 22:30 horas, unha foliada libre no Mercado Municipal.
Máis actividades durante todo o mes de decembro
A programación continuará o día 20 cunha sesión de teatro en familia na Casa da Cultura, mentres que o día 21 haberá unha sesión de cine infantil no mesmo espazo. Os detalles de ambas actividades daranse a coñecer proximamente.
O 24 de decembro, Cariño recibirá a visita de Papá Noel, quen atenderá os nenos e nenas do municipio na Casa do Concello, escoitando os seus desexos na véspera de Noiteboa.
Xa o 27 de decembro, o Mago Teto presentará Galerock ‘N’ Magic, un espectáculo que combina música en directo, humor, maxia e ilusionismo, pensado para o desfrute de toda a familia. A actuación será na Casa da Cultura.
A programación de Nadal culminará o 31 de decembro coa tradicional Festa de Fin de Ano, que porá o broche final ás actividades no municipio. Este ano, a cita contará coa presenza da disco móbil CDC, que amenizará a velada con música para todos os públicos na carpa da Praza Roxa. Será unha noite pensada para gozar en compañía, dar a benvida ao novo ano e pechar por todo o alto as festas do Nadal en Cariño.
