ACTUALIDADE
OS FABULOSOS CLEANERS, espectáculo de pompas de xabón para todos os públicos, o vindeiro domingo 7 en Cariño

02 Xaneiro 2018
Este domingo 7 de xaneiro, a partir das 18.30 horas, poderemos disfrutar de OS FABULOSOS CLEANERS, da Compañía Malasombra Produccións. Será no Auditorio Municipal e con entrada de balde.

Dirixida por Marcos Orsi e Xoque Carbajal e interpretada por Jouse García e o propio Xoque, OS FABULOSOS CLEANERS é un espectáculo de pompas de xabón para todos os públicos. Unha experiencia visual para participar toda a familia.
O autor alacantino Luis Beviá, que percorreu medio mundo co seu universo xabonoso (Londres, Hong-Kong, México, Colombia, Perú, Cuba, Grecia ou Islandia, entre outros) dirixe a parte técnica deste sorprendente espectáculo.

Dous operarios da limpeza do teatro, descobren por casualidade as posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. A partir de aí, os personaxes emprenderán unha excitante viaxe conducidos polas fantásticas pompas e burbullas.
O público sorprenderase e gozará con estas máxicas burbullas; pompas transparentes, con fume, con vapor, pequeñas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. O espectador camiñará da man destes personaxes por un mundo máxico, cheo de cor e de moito, moito humor, e verase sorprendido dentro dun patio de butacas repleto de miles de pompas de xabón.
Elenco: Xoque Carbajal e Jouse García
Autoría: Luis Beviá e Xoque Carbajal
Direccción: Marcos Orsi e Xoque Carbajal
Xénero: Comedia xabonosa
Clasificada: Todos os públicos
Recomendada: A partir de 3 anos
Duración: 60 minutos