ACTUALIDADE

Revista Nordeste

28 Abril 2020

Xa podes gozar de forma dixitalizada e con posibilidade de descarga da colección completa da REVISTA NORDESTE.

A Revista

Queremos agradecer a Lorenzo Fojón a cesión de todos os exemplares para poder realizar a dixitalización.

A idea inicial do Concello de Cariño era realizar un acto público de presentación da web, pero debido aos momentos nos que vivimos, decidimos facela pública e que poidades acceder aos contidos.

A REVISTA NORDESTE nace no ano 1975 no seo da Agrupación Xuvenil que leva o mesmo nome, a iniciativa de dous párrocos, Francisco Martínez Sánchez “Pacurri” e Atilano Maciñeira, e do grupo de rapaces e rapazas que forman parte da asociación. Outro sacerdote, Salustiano Pedre, xoga tamén un papel relevante nos primeiros anos da revista.

Dende un primeiro momento a revista convértese no voceiro do pobo de Cariño, recollendo as súas reivindicacións por un Concello propio, as loitas a prol dun instituto de secundaria, etc. así como os acontecementos que teñen lugar durante estes anos (actividades culturais, deportivas, e mesmo bautizos, matrimonios ou defuncións).

A publicación é distribuída nas parroquias, tamén por Galicia e unha parte importante da tirada envíase á veciñanza que está na emigración: Francia, Suiza, Inglaterra,…

Podemos dividir a historia da revista en cinco épocas:

1ª época: 1975 – 1981.
2ª época: 1981 – 1983.
3ª época: 1988 – 1989.
4ª época: 1993.
5ª época: 1995 – 1996.

Goza da revista e dun anaco da nosa historia.