ACTUALIDADE

COMUNICADO DAS ALCALDIAS DE FERROL, ORTEGAL E A MARIÑA POLO TREN FERROL-RIBADEO

20 Outubro 2017

Concellos de Ferrol, Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Ortigueira, Cariño, Valdoviño, Cedeira, Ribadeo, Burela e Viveiro.

Os alcaldes saen defraudados da reunión convocada por Renfe, á que non acudiu a conselleira nin ningún alcalde do PP que foran convocados.

Cariño, 20 de outubro.-  Logo de 18 meses denunciando intensamente a situación de abandono do servizo de transporte ferroviario da liña Ferrol a Ribadeo, que vertebra o norte galego e presta servizo aproximadamente a un 10% da poboación galega, os doce alcaldes e tenentes de alcalde abaixo asinantes, en representación da veciñanza das comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña, acudimos na mañá deste venres 20 de outubro á convocatoria de Renfe no edificio administrativo da Xunta de Galicia na Praza de España. 

Con este comunicado, queremos manifestar a fonda decepción polo inconcreto resultado da xuntanza, a nosa sorpresa e o malestar polo que consideramos unha  falla absoluta de respecto institucional por parte do goberno galego e a confirmación da despreocupación de Renfe e A Xunta de Galicia por estas comarcas e o seu transporte público.

Á xuntanza, e pese a estar convocados por Renfe, non acudíu a conselleira de Infraestruturas do goberno galego, nin tampouco ningún rexedor dos municipios afectados gobernados polo Partido Popular, xa que á marxe de siglas, o deterioro do servizo tamén lles afecta aos seus veciños. “É unha falla de respecto institucional absoluto a un problema tan grave co grao de deterioro que presenta a liña Ferrol-Ribadeo, e mesmo recoñecido por eles desde o inicio”, manifestaba ao remate, Beatriz Bascoy, alcaldesa de Moeche, que facía as veces de voceira ao manifestar a decepción. 

“Sentímonos defraudados e entendemos que se nos está a tomar o pelo”, declarou. A  reunión de hoxe fora convocada a resultas doutra xuntanza que tivo lugar o 8 de maio logo de que os propios rexedores se presentaran na Consellería de Infraestruturas da Xunta para forzar a convocatoria coa súa titular, Ethel Vázquez, que non daba resposta as peticións de xuntanza do colectivo. Non obstante, a conselleira tampouco tivo a ben asistir hoxe a xuntanza que fora convocada por Renfe. Asistiron tres representantes de Renfe e o Director Xeral de  Mobilidade, da Consellería de Infraestruturas.

“O que nos presentaron hoxe foi contarnos o que se leva feito desde o mes de xuño, nun plan de actuación do ancho métrico que, entre outras cousas, fala da renovación de asentos, do pintado da estación e da colocación de máquinas”, explicaba Bascoy.  Os rexedores consideran que iso estaría moi ben se as máquinas funcionasen, pero non  funcionan. Cómpre lembrar que esta semana entraron  en taller tres máquinas desta liña. Por moito que adecúen horarios, se os trens fallan non facemos nada”, resumía. 

Na xuntanza deste venres acordouse crear unha necesaria comisión técnica de traballo que estará integrada por un representante da Xunta de Galicia,  representantes de Renfe,  polo alcalde de Burela, Alfredo Llano García, pola Alcaldesa de  Moeche, Beatriz Bascoy e pola Concelleira de Infraestruturas e Mobilidade de Ferrol, María Fernández Lemos. A primeira reunión desta comisión terá lugar o 31 de outubro ás 10.30 horas no edificio administrativo da Xunta de Galicia, en Ferrol.

“Poderemos avanzar en detalles de horarios e ampliación de percorridos, ben necesarios, mais o problema de fondo é que se Renfe e o goberno galego non cren nesta parte do territorio, non facemos nada e o tempo transcorrido sen avanzar así o indica”, lamentan os rexedores.

“Isto contrasta coa presenza  a comezos deste mesmo mes de outubro do ministro de Fomento en Asturias, acompañando á conselleira, e ofertando  275 millóns de € para a mellora do servizo de cercanías de Asturias “. 

Os rexedores demandan da Xunta de Galicia que non se comporte como un goberno ausente e que se faga respectar no Estado cunha aposta decidida polo transporte público e ferroviario que lle corresponde ao Norte de Galicia no século XXI. Non somos dez ou doce persoas, representamos ao 10% da poboación galega que merecen un tren, un transporte público ferroviario á altura e non o teñen nin remotamente.

Cariño, outubro 2017.

Os Concellos de Ferrol, Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Ortigueira, Cariño, Valdoviño, Cedeira, Ribadeo, Burela e Viveiro.