ACTUALIDADE

 

Memoria da Candidatura do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal

 

08 Abril 2020

Proposta de declaración de Xeoparque Cabo Ortegal para o territorio que comprende os termos municipais dos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.

Os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño presentan a proposta de declaración de Xeoparque Cabo Ortegal para o territorio que comprende os seus termos municipais e no procedemento de elaboración desta proposta de declaración de xeoparque é requisito por parte das administracións promotoras sometela aos trámites de exposición pública e de consulta, tal e como se establece no artigo 78 da sección 3ª da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

De acordo con isto, exponse ao público por un período de 20 días a memoria da candidatura do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, que tamén se poderá consultar nos taboleiros de anuncios dos sete concellos integrantes do proxecto, nas correspondentes webs municipais e na web  https://proxecto.xeoparquecaboortegal.gal/

Aquelas persoas que se consideren directamente interesadas neste proxecto poden emitir observacións e opinións mediante escrito dirixido ao Concello de Moeche, Rúa da Feira, 32, San Xoán 15563 Moeche, ou ao enderezo de correo electrónico: correo@moeche.gal, poñendo no Asunto: “Xeoparque.” ou ben na sede electrónica do Concello de Moeche  https://moeche.sedelectronica.gal/info.

Neste enlace podes ver a Memoria da Candidatura do Proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal.
Neste enlace podes ver o anuncio no BOP do día 17 de abril.

 

O Complexo de Cabo Ortegal é un referente na xeoloxía española e europea.

A grande cantidade de publicacións científicas que existen da zona poñen de manifestó o seu alto interese en xeoloxía, xeomorfoloxía, edafoloxía, bioloxía ou arqueoloxía, mais tamén noutros ámbitos coma o histórico, cultural, deportivo ou gastronómico.

O territorio do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal abarca sete concellos: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño, daquela a catalogación de xeoparque serviría de motor socioeconómico da zona, incrementando ao mesmo tempo o coñecemento e potencial turístico da  zona ao longo de todo o ano.

Qué é un Xeoparque?

Un Xeoparque é un territorio que contén tanto un patrimonio xeolóxico singular como unha estratexia de desenvolvemento propia. Ten uns límites claramente definidos e unha superficie suficiente para que poda xerar o seu propio desenvolvemento económico.

Non é unha figura de protección xeolóxica nin o pretende, de feito interesa a calidade de vida dos seus habitantes tanto como a súa riqueza xeolóxica. Os recursos específicos de cada xeoparque pretendense utilizar como base da promoción do patrimonio xeolóxico para:

  • Educar á sociedade en aspectos xeolóxicos e medioambientais.
  • Asegurar un desenvolvemento sostido fundamentado no xeoturismo.
  • Contribuir á protección dos puntos de interese xeolóxicos amenzados.

O concepto actual de xeoparque integra diversas facetas, tanto naturais como culturais, para alcanzar os seus obxectivos de desenvolvemento dun territorio:

  • Educación.
  • Investigación e xeociencias.
  • Aspectos culturais que reflexen a identidade rexional, mediante compoñentes tanto tanxibles coma intanxibles.
  • Comunicación entre os propios xeoparques e coa sociedade.
  • Difusión da ciencia.

En resumo, un xeoparque fundamentase nas súas peculiaridades xeolóxicas pero non só trata de xeoloxía. Mentres que un xeoparque debe demostrar que contén un patrimonio xeolóxico de relevancia internacional, os seus obxectivos deben explorar, desenvolver e promover as relacións entre o seu patrimonio xeolóxico e todos os demais aspectos patrimoniais – xa sexan naturais, culturais ou intanxibles- presentes na zona para incluilos nunha estratexia de desenvolvemento territorial.

Enlace á paxina web do Proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal:

http://proxecto.xeoparquecaboortegal.gal/