As parroquias

O concello de Cariño conta con cinco parroquias nas que se subdivide o territorio municipal: Cariño, Feás, Landoi, A Pedra e Sismundi (as parroquias son divisións territoriais da administración eclesiástica, sen poder político actualmente, que datan da época da Gallaecia Sueva, s. VI).

A parroquia de Cariño é o núcleo principal do concello e tamén a súa capital. Conta con todos os servizos e dependencias municipais, así como co porto e a zona comercial. Ten unha parte nova, posterior a 1950 ao longo da Avenida da Constitución, e unha zona antiga, o Barrio Mariñeiro, que é un conxunto singular de vivendas mariñeiras situado nun triángulo de 8ha entre a praia, o porto e o cantil.

A parroquia da Pedra é a zona que limita ao Sur con Cariño. Na súa maior parte rural, conta cunha zona urbana que limita con Cariño polo Norte ao longo da Avenida da Cerca-Sagrón, e diversos asentamentos rurais, sendo o máis grande o de Figueiroa, que queda na península do mesmo nome. No seu centro está o pazo de Torres da Cerca, de propiedade privada. A igrexa de Sta. María é a máis antiga do concello e conta con dúas capelas románicas no seu interior.

A parroquia de Feás queda no extremo Sur do concello, na desembocadura do Río Seixo e está composta por varios núcleos habitados. Tamén chamada “Susavila”, foi escollida polo Marqués de Astorga no s. XVII para a instalación dunha ferrería. Tradicionalmente adicada á agricultura, comparte con Landoi a maior plantación de maciñeiras do concello, ao longo do val do Río Seixo. O esteiro do Río Seixo é unha zona natural protexida polo convenio RAMSAR como zona húmida de importancia internacional e tamén está declarada como Zona Especial de Protección de Aves.

A parroquia de Landoi, é unha zona natural privilexiada. Rodeada polo Oeste e Norte polos cumes da Herbeira e da Miranda, a súa zona habitada está nos vales dos Ríos Seixo e Orxeiro, e tamén na aba do Monte da Miranda. Os seus habitantes adícanse ao sector primario con importantes explotacións forestais de eucalipto e piñeiro, así como de maciñeiras, cuxa produción é destinada á elaboración de sidra. Nestes vales existe unha variedade típica de mazá: a mazá de ollo de Landoi, moi apreciada na zona.

A parroquia de Sismundi está situada nun pequeno val entre o Monte da Miranda e a Ría de Cariño-Ortigueira. Xusto nesta zona a Ría forma un meandro, estreitándose sinuosamente, feito aproveitado na época medieval para a construción dunha torre vixía na Punta, hoxe desaparecida, que controlaba a entrada de barcos en dirección Ortigueira. O seu topónimo débese probablemente ao señor que controlaba esta zona na época medieval, probablemente chamado Sexismundo.