CULTURA
“As Parábolas de Pakolas” en Cariño
18 Xullo 2017
O vindeiro xoves 27 de xullo estará con nós “Pakolas”, presentando o seu espectáculo “As Parábolas de Pakolas”. Será no Auditorio Municipal, a partir das 12 horas e con entrada gratuíta.
Dita actuación está enmarcada no programa “Ler Conta Moito”, programa de animación á lectura da Rede de Bibliotecas de Galicia.
“Pakolas” é Paco Cerdeira, autor e compositor, músico, e tamén produtor de música pensada para @s mais cativ@s. Este é o nome co que lle gusta que o coñezan entre a poboación de curta idade. Ten longa traxectoria neste eido profesional, pasando por grupos como Mamá Cabra do que formou parte durante 10 anos, sendo fundador e formando parte de A Gramola Gominola na actualidade (compositor, guitarra e voz).
“As Parábolas de Pakolas” chega da man de Paco Cerdeira como espectáculo de pequeno formato no que este, “Pakolas”, interpreta en directo unha escolla dos seus temas propios para público infantil, con música xirando en torno ao rock e outros estilos que entusiasman aos cativos e cativas, e con letras sempre axeitadas para os mais pequenos. O eixo fundamental radica na combinación das cancións coas historias e contos que nelas se recollen, cunha mensaxe final, e que forma así no conxunto, unha fermosa “parábola” musical da que aprender e na que pensar.
Presenta así, nesta actividade, un espectáculo musical de formato individual, para público infantil e familiar, tocando a súa guitarra e interpretando cancións e da súa autoría, de “A Gramola Gominola” e do seu proxecto mais persoal “Pakolas” (Próxima Edición Dec 2017) formando parte estes das propostas musicais para público infantil.
A escolla dos temas incluirá entre outras o “Campión Internacional”, no que se falará e cantará da importancia do xogo entre os amigos, e sobre todo do xogo tradicional de Galicia (billarda, pión, etc). A canción dunha personaxe como é o “Monstro Antón”, que fai cancións de rock pola noite e non para de cantar as súas rimas. Ambas historias recollidas no primeiro libro-disco de A Gramola Gominola. E Pakolas tamén ven con contos e cancións de personaxes como as animais, que sempre esperta nos cativos unha gran curiosidade, un recurso que lle gusta moito pola súa dimensión animada e fantástica. Animais que van dende un arroaz, un pato, os ratiños, a quenlla, o furafollas ou un mero, etc. Estes animais son os protagonistas das cancións, pero tamén se artella un conto, unha historia fantástica, “A Quenlla Madrugadora”, “Baldomero o Mero”, que da moita importancia aos bens materiais e o resto de peixes demóstranlle o contrario, “Mac Pac”, que se enfronta aos seus problemas cun chef inglés, “O Rato de Xaquín”, que quere establecer amizade cun gato, e porque non?, “O Furafollas”, etc. Animais menos comúns o que axuda ademais aprender léxico e vocabulario en galego.