ACTUALIDADE

NOVA NOTA INFORMATIVA SOBRE O ESTADO DA AUGA POTABLE

4 Febreiro 2023

Coa presente nota pasamos a dar conta das novidades producidas na actual semana no referente á problemática sobre o estado da auga potable. Convén lembrar que o principal problema detectado ten que ver cunha inusual presenza de níquel no río Lourido. Este río é o único emisario que suministra auga ó encoro do Cabaneiro, onde se atopa a estación potabilizadora.

Toda a auga da Pedra (incluíndo Figueiroa e A Ortigueira) depende destas infraestructuras. Ademais o río Lourido aporta máis do 70% da auga que se consume en Cariño. Polo tanto falamos dun cauce imprescindible. 

*Novidades da semana 

Comezamos lembrando que o día 13/1/2023 as analíticas daban un valor de níquel de 25 unid./l

 O día 27/1/2023 recíbese chamada telefónica dende a delegación de Sanidade (Xunta de Galicia). Nesa comunicación verbal infórmase dunha analítica realizada pola propia Xunta na que se obteñen datos óptimos, sendo a proba practicada na mesma semana que unha proba municipal da que informamos máis adiante.

Queremos agradecer a Sanidade a premura á hora de comunicar esta información de forma extraoficial, se ben a día de hoxe aínda non foi recibida polo cauce formal e legal. É de agardar que chegará nas vindeiras datas.

O luns 30/1/2023: recibimos o informe de futuras actuacións a realizar na estación potabilizadora. Trátase dun estudo específico encargado polo Concello de Cariño para atallar problemas específicos de níquel e trihalometanos, e elaborado por unha empresa especializada en tratamento de augas potables e instalacións potabilizadoras.

O orzamento supera os 140.000 euros, incluindo os impostos.

Antonte, xoves 2/2/2023, recibimos do laboratorio homologado os resultados das últimas analíticas encargadas polo Concello de Cariño. Os valores atopados foron:

  • Níquel: 15 /l (máximo admisible 20 unid./l)
  • Trialometanos: 51 /l (límite admisible 100 unid./l)

Os datos desta análise xa entran na absoluta normalidade, respostando axeitadamenre ás accións correctoras aplicadas (inxéctase auga doutros afluentes secundarios -insuficientes para dar servizo completo á poboación-, redúcese a captación do río Lourido, acúdese a bombeos de manantiais subterráneos, etc…).

Ademais, na mesma data, decídese unha importante transferencia de crédito por un montante de 146.000 euros. Con este investimento preténdese poder licitar o proxecto de actuación na estación potabilizadora.

Como é lóxico non se renuncia a todas as medidas correctoras parciais xa aplicadas para solucionar este importante problema, pero cremos que ademáis hai que procurar establecer solucións definitivas a medio e longo prazo. Ambas accións veñen a complementarse.

Polo tanto, en base á análise favorable realizada polo concello e á comunicación verbal por parte de Sanidade doutra análise con valores similares, onte venres 3/2/2023 remítese comunicación a Sanidade na que se solicita:

1.   O peche de todas as incidencias abertas.

2. Autorización para poñer fin á prohibición da inxesta da auga tratada que abastece ás parroquias de Cariño e A Pedra.

Agardamos que tal circunstancia nos sexa confirmada á maior brevidade. Entretanto seguiremos traballando nunha solución estable para esta seria problemática de orixe natural.