ACTUALIDADE

NOTA INFORMATIVA SOBRE O ESTADO DA AUGA POTABLE

26 Xaneiro 2023

Dende que o pasado 25/11/2022 se declarase a auga do abastecemento público como “non apta para o consumo directo” nas parroquias de Cariño e A Pedra, e ata hoxe, a problemática atravesou diferentes etapas, das que pasamos a dar conta á cidadanía.

Os esforzos municipais centráronse dende un principio en determinar a causa do problema para así atallalo na súa orixe. Ese celo por focalizarnos na solución, e aínda a pesar dos tres bandos municipais publicados, provocou un descoido á hora de informar á cidadanía sobre os pasos que se ían dando. Somos conscientes dese déficit, que asumimos plenamente, polo tanto cómpre comezar pedindo sinceiras desculpas por tal erro.

*Pero… que sucede coa auga?

Máis aló dalgún episodio pasaxeiro vencellado á sucesión de fortes temporais de vento e auga que soportamos nestes pasados meses, o principal problema detectado ten que ver cunha inusual presenza de níquel no río Lourido. Este río é o único emisario que suministra auga ó encoro do Cabaneiro, onde se atopa a estación potabilizadora.

 Toda a auga da Pedra (incluíndo Figueiroa e A Ortigueira) depende destas infraestructuras. Ademais o río Lourido aporta máis do 70% da auga que se consume en Cariño. Polo tanto falamos dun cauce imprescindible.

*Que se fixo dende o Concello de Cariño?

Presentamos un resumo básico das principais actuacións desenvolvidas:

1.- O 28/11/2022, na realización dunha contraanálise, detéctase un valor de níquel de 33 unidades/l, cando o máximo permitido son 20 unid./l.  Ese mesmo día póñense en marcha toda unha batería de decisións (inxéctase auga doutros afluentes secundarios -insuficientes para dar servizo completo á poboación-, redúcese a captación do río Lourido, acúdese a bombeos de manantiais subterráneos, etc…). A maiores realízanse novas análises, que días despois dan un resultado de 24 unid./l

2.- O día 9/12/2022 obtense o resultado dunha nova proba: 22 unid./l

3.- O día 16/12/2022 recíbese o resultado doutra nova análise: 21 unid./l, é decir, un punto por riba do límite permitido. As medicións efectuadas mostraban un paulatino descenso no nivel de níquel, dende as 33 unid./l iniciais ata as 21 unid./l, quedando xa ó límite do nivel normal. Á vista da clara tendencia favorable, todo facía supoñer que as medidas adoptadas estaban sendo as axeitadas e que a situación quedaría controlada no Nadal.

Un dato importante é que o mesmo día no que se obten un valor de 21 unid./l na traída do casco de Cariño, a analítica realizada río arriba -polo tanto antes da potabilización- daba cifras de 32 unid./l, algo insólito e que nunca se tiña apreciado. Por exemplo en xullo, o nivel de níquel na propia estación potabilizadora era de 8 unid./l. Queda claro que é o propio río o que trae agora unha maior carga de níquel debido ó que parece un proceso repentino e natural, que nada ten que ver con outros factores cos que especulan persoas sen coñecemento real da situación. Non se trata nin dun un mal funcionamento da estación potabilizadora (que aínda non contando cun sistema específico para níquel reduce o seu nivel 12 unidades, dende as 33 ás 21 unid./l) nin da influencia da mineira (o nacemento e cauce do río Lourido está moi afastado de calquera mina).

4.- O día 28/12/2022 recibimos un sorprendente resultado de 27 unid./l, o que marca un cambio de tendencia. Xusto cando estábamos a piques de acadar o parámetro legal de 20 unid./l, as cifras voltan a subir. As accións que se levaban a cabo eran as mesmas, polo que unha vez máis queda claro que o problema ten causa natural.

5.- A contraanálise recibida na tarde do xoves día 5/1/2023 informa dunha cifra de 41 unid./l de níquel, a cifra máis alta nunca detectada.

6.-O luns día 9/1/2023, e ante a confirmación do cambio de tendencia xusto cando o problema parecía controlarse, contáctase coa empresa especializada en sistemas específicos de potabilización.

7.- Só tres días despois, o xoves día 12/1/2023, técnicos da empresa achéganse ás instalacións da estación potabilizadora para tomar datos e realizar un proxecto para instalar novas infraestructuras especializadas no tratamento de níquel. Esta acción a medio prazo requerirá dun forte investimento económico, e tratará de dar unha solución definitiva a esta nova problemática que non sabemos se vai a persistir. Paralelamente, e a curto prazo, inxéctase auga baixa en níquel dende outras captacións.

8.- O día 13/1/2023 as analíticas xa daban un valor claramente mellor: 25 unid./l.

A día de hoxe estamos pendentes de recibir novos resultados de analíticas realizadas.

9.- Ante o medo a un novo xiro á alza na tendencia do níquel tamén se contactou con diferentes empresas embotelladoras de auga, a fin de levar a cabo un reparto masivo e gratuito da mesma se as próximos resultados non son óptimos. De levarse a cabo informaremos sobre os puntos de entrega, horarios, etc…

Con todo, e sen renunciar a todas as medidas correctoras definitivas indicadas para solucionar este importante problema, agardamos poder dar boas novas á maior brevidade, reiterando as nosas desculpas polos erros informativos cometidos durante o proceso de resolución desta seria problemática de orixe natural na que seguimos traballando.