ACTUALIDADE

“Paxaro amigo. Músicas para a paz”, de Mamá Cabra, en Cariño o vindeiro 7 de xaneiro

03 Outubro 2016

A compañía Mamá Cabra estará o sábado, 7 de xaneiro, no concello de Cariño co seu musical ‘Paxaro amigo. Músicas para a paz’. Será no Auditorio Municipal, nun pase ás 19:00 horas, no que o público que acuda poderá gozar dun espectáculo que une música e teatro. O coste da entrada é de 2€.

Dirixido ao público infantil e familiar, “Paxaro amigo. Músicas para a paz” está protagonizado por Gloria Mosquera, Tomi López, Harry Prince, Diego Maceiras e Luis Iglesias. O espectáculo, que ten unha duración de 60 minutos, está inspirado no recente libro publicado polo grupo “A Bruxa discordia”, unha proposta cargada de mensaxes que inciden en construír un mundo mellor e máis xusto.

Esta proposta músico – teatral ten como protagonista a “Discordia”, unha bruxa que é feliz destruíndo a paz. De feito, a paz prodúcelle picores por todo o corpo dende o cocote ata a punta do pé. Discordia goza facendo que todos os animais, e os humanos, se leven mal. E come olivas como unha tola… Menos mal que ten unha curmá fada … pois xa se sabe que na familia haiche de todo. Un día vai acontecer algo que cambiará o seu mundo, e o mundo enteiro, para sempre.

Sábado 7 de xaneiro, a partir das 19 horas, no Auditorio Municipal. Entrada: 2€.

Aquí podedes ver un pequeno vídeo.