ACTUALIDADE
Letras Galegas 2022. Programación

27 Abril 2022

DOMINGO 8 DE MAIO
IBUPROFENO TEATRO: “O Furancho”.
Auditorio Municipal – 19 horas – Entrada: 3€
Texto e dirección escénica: Santiago Cortegoso
Creación e interpretación: Marían Bañobre e Isabel Risco
Comedia
Duración: 80 minutos
Premios: Premio María Casares 2016 ao Mellor Vestiario, Finalista nos Premio María Casares 2016 ao Mellor Autor, Premio Fetega (Festival do Carballiño) a Mellor espectáculo e Mellor Actriz (Isabel Risco).
No noso furancho pódese consumir o excedente de viño, que é sinónimo de humor, e gozar dun espazo de comuñón e complicidade no que o público acode a empaparse coa máis pura e sincera expresión da comedia hilarante.
E para quen non sexa de moito beber alcohol, no noso Furancho Spa resort vitivinícola Rosalía de Castro ofrecemos tratamentos de beleza e saúde baseados na viñoterapia. O corpo humano é unha parra que se expande. Cada célula é unha uva que nos flúe por dentro. Nós cruzamos as sementes das cepas máis exquisitas para atopar a combinación perfecta que che aporte relax e benestar. Todo sen química, nin sulfitos. Ecolóxico 100%.

SÁBADO 14 DE MAIO
TEATRO DO ATLÁNTICO: “Libre coma os paxaros”.
Auditorio Municipal – 19.30 horas – Entrada: 3€ (podes mercar a túa entrada no LOCAL SOCIAL da Casa do Concello ata o venres 13 ou no AUDITORIO dende media hora antes da función).
Textos: Rosalía de Castro
Dramaturxia e dirección: Xúlio Lago
Composición musical: Vadim Yukhnevich
Actriz: María Barcala
Unha muller toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade. Declara, desafiante, non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa, nin acatar mandatos dos seus iguais.
Declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.
Denuncia o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria. E clama contra o silencio que todo o envolve.
Muller.
Filla de nai solteira. E de pai cura. Escritora. E poeta. Galega de pensamento libre. Libre coma os paxaros.
Chámase María Rosalía Rita de Castro.

MARTES 17 DE MAIO
TRÉMOLA TEATRO: “Florencio Delgado Gurriarán”.
Auditorio Municipal – 18 horas – Entrada de balde
Actriz: Irene Lorenzo Rey
Duración: 45 minutos
Para todos os públicos a partir de 6 anos.
Este contacontos está centrado na obra e Vida de Florencio Delgado Gurriarán.
A través da súa vida coñeceremos os seus poemas. Unha viaxe que nos axudará a comprender un pouco máis da nosa tradición, facendo paralelismos coa actualidade na que estamos vivindo.
