ACTUALIDADE

“Íntimo. A viaxe da miña vida, espectáculo do Mago Teto, o vindeiro sábado 2 en Cariño

28 Novembro 2017

O vindeiro sábado 2 de decembro, ás 19 horas, no Auditorio Municipal e con entrada de balde, podemos ver o espectáculo “ÍNTIMO. A viaxe da miña vida”  do Mago Teto.

Dita representación está incluida no circuito da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

“Íntimo” é unha viaxe, seguramente iniciática, na procura da esencia da maxia. Alguén moi especial puxo no corazón do mago Teto, cando era un cativo, a semente da maxia, e a partires dese momento medrou nel un soño. O soño de ser mago. Para conseguir cumprir ese soño, o mago Teto tivo que estudiar, preparase, ensaiar e esforzarse moito, pero tamén tivo que viaxar. Viaxar polos lugares onde a historia da maxia foi deixando partes da súa esencia: Viena, París, Londres, Nova Delhi ou Compostela. En cada lugar onde o mago vai, descobre algo da esencia da maxia, pero non todo. Deberá seguir buscando para facerse co máis esencial da maxia de todos os tempos. Pero, ¿onde estará agora esa esencia? Se cadra na música, a música é máxica, ou na pintura, ou, tal vez, na literatura. Algún grande escritor foi tamén mago como Lewis Caroll. Mais, se cadra, neste século XXI, a esencia da maxia estea realmente na ciencia: na transformación da materia, na fusión ou na fisión nuclear, no Universo, ou, se cadra, nas matemáticas: “a linguaxe do Universo”, segundo Galileo Galilei. Como afirmaban os sabios antigos, os elementos que compoñen a natureza son catro, se cadra realmente son cinco: auga, terra, aire, lume e maxia. O quinto elemento. Aínda que pode ser que a esencia da maxia estea nas cousas máis pequenas que nos rodean, o que pasa é que non o sabemos ver. ¿Atopará o mago Teto a esencia da maxia? Para sabelo haberá que acompañalo na súa viaxe.

Eduardo Alonso

Mago Teto (1977-Viana do Bolo-Galicia).

O Mago Teto é un dos magos máis veteranos e relevantes a pesar da súa xuventude. Habitual na televisión desde os seus comezos, goza de gran popularidade e recoñecemento. Ademais, falamos dun mago con espectáculos de rúa (como O Afiador) ou de gran formato para teatros (A Maxia da Santa Compaña) e todo terreos como o seus clásicos ‘Tolemaxias’ e “Perto de Ti”.

Teto é un dos perfís máis completos e orixinais da maxia polo seu humor, personalidade e nivel técnico.

FICHA ARTÍSTICA

AUTOR: Eduardo Alonso
DIRECCIÓN: Eduardo Alonso
ESCENOGRAFÍA: RTA
DESEÑO ILUMINACIÓN: RTA
DESEÑO SON: RTA
MÚSICA: Héctor Guerra
CONTIDOS VIDEO: Héctor Guerra
MONTAXE VIDEO: RTA
DESEÑO GRÁFICO: KHOS
FOTOGRAFÍA: Pablo Pradoss
ELENCO ARTÍSTICO:
Mago Teto
Jorge Prieto
O trasno Perello
PRODUCCIÓN: O mago Teto e RTA
TÉCNICA TEATRAL : Maxia
PÚBLICO: a partir de 7 anos