ACTUALIDADE
O Campo de Fútbol Municipal de Cariño estrea un novo sistema de alumeado
11 Agosto 2017
Cariño será pioneiro na provincia na montaxe permanente de lámpadas de baixo consumo nun estadio de fútbol. O Concello renova os antigos equipos de iluminación do terreo de xogo instalando 28 proxectores de tecnoloxía Led, co que se agarda unha redución do gasto que superará o 50%.
Desde o consistorio está a acometerse a renovación do alumeado da instalación deportiva empregando un novo sistema de proxectores que funcionan con tecnoloxía Led, o que en palabras do Alcalde de Cariño “suporá non só un importante aforro económico, senón tamén enerxético e de emisións de CO2 á atmosfera”.
Os traballos están a ser rematados, e responden á clara aposta municipal por modernizar paulatinamente unhas instalacións deficientes, algo que demandaban desde hai anos os membros do Club Deportivo Cariño así como os usuarios das instalacións. Ademais da redución do consumo, mellórase notablemente a calidade lumínica no recinto, garantíndose unha maior uniformidade na iluminación sobre as diferentes partes do terreo de xogo.
Concretamente, están a instalarse 28 focos Led de última xeración que, cunha potencia de 16.100 vatios, practicamente reducen á metade os 32.000 vatios empregados polos 16 focos existentes ata a data, claramente ineficientes e cuxos niveis de iluminación quedaron desfasados.
Polo seu carácter novo, a licitación xerara certa expectación entre o sector da iluminación, presentando ofertas preto de 20 compañías non só de Galicia senón de lugares tan dispares como Guadalaxara, Zaragoza, Madrid ou Cidade Real. Finalmente o contrato foi adxudicado por 48.884 euros a unha empresa viguesa con experiencia no ramo (vén de instalar un sistema parecido en Sabadell), ademais de conseguir o Concello de Cariño unha garantía de 15 anos sobre o material así como un conxunto de melloras nas instalacións cifradas en 6.131,46 euros.
Como se indica, máis aló dos proxectores principais a intervención contempla unha serie de melloras entre as que convén sinalar a reforma do cadro xeral, a reposición de 200 metros de cableado ou, na mesma liña de eficiencia, a substitución de 20 luminarias de emerxencia antigas e 10 proxectores de 150 w do foso por uns de 50 w, todo iso en Led.
Esta actuación forma parte do Plan de Eficiencia Enerxética que desde o equipo de goberno municipal está a levarse a cabo de forma progresiva en alumeados e instalacións públicas. A día de hoxe executáronse varias actuacións respecto diso, como foron o cambio dunha das caldeiras de gas da piscina municipal por unha de pellets (54.000 euros, cun aforro anual estimado de 15.000 euros) ou a substitución integral do alumeado público da parroquia de Feás por luminaria Led (máis de 36.000 euros). Está pendente de licitación a substitución parcial dos alumeados de Figueiroa, Sismundi e Murela, por un importe superior aos 31.000 euros.
Do mesmo xeito que os actuais traballos practicados no campo de fútbol, todas as actuacións financiáronse na súa práctica totalidade con fondos solicitados a outras administracións “polo que a veciñanzas non verá minguados os seus servizos, moi ao contrario, grazas ao aforro nas facturas eléctricas poderemos aumentar as partidas municipais adicadas a investimento local” indicou José Miguel Alonso.