IGUALDADE
A área de Igualdade forma parte dos servizos sociais comunitarios que ofrece o Concello de Cariño e ten como finalidade a sensibilización, a actuación e a prevención de situacións discriminatorias por cuestión de sexo, ademais de promover a transversalidade de xénero en todas e cada unha das actuacións que se levan a cabo e de dar visibilidade ao papel que tiveron e teñen as mulleres na historia.
As formas de actuación desenvolvidas desde esta área, ademais de ter carácter informativo, orientador e sensibilizador, teñen un enfoque práctico a través do desenvolvemento de diversas actividades en colaboración con axentes sociais próximos e coa veciñanza en xeral. Tal é o caso de actividades de coeducación realizadas nos centros educativos, xornadas formativas/informativas sobre saúde, exposicións realizadas grazas á colaboración veciñal, etc.
Tendo presente que a igualdade de oportunidades pode considerarse lograda a un nivel formal, grazas á existencia de leis específicas sobre esta materia e, en concreto, sobre a violencia de xénero – a maior e máis grave manifestación de desigualdade e discriminación , debemos recoñecer que queda moito traballo para chegar a unha igualdade de oportunidades real, posto que a pesar do avance lexislativo, a sociedade actual conserva trazos que perpetúan comportamentos e actitudes que dificultan gozar, por exemplo, de responsabilidades familiares compartidas e equilibradas, dunha socialización para nenas e nenos non condicionada polo xénero ou dunha promoción formativa e laboral en igualdade de condicións para mulleres e homes.
Por estes motivos, é importante fomentar e promover a igualdade de oportunidades e de trato entre toda a poboación, independentemente do sexo, atendendo tanto ao que recollen textos lexislativos como ao sentido común, xa que este nos di que unha igualdade real favorece ao conxunto da poboación.
Algunhas referencias lexislativas
Ámbito internacional:
Carta das Nacións Unidas de 1945.
Declaración sobre a Eliminación da Discriminación contra a Muller de 1967.
Conferencias mundiais sobre a muller celebradas no marco da Organización das Nacións Unidas: México en 1975, Copenhague en 1980, Nairobi en 1985 e Pekín en 1995.
Convención para a Eliminación de todas as formas de Discriminación contra a Muller de 1979.
Declaración e Programa de Acción de Viena, aprobada pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas de 1993.
Resolución WHA49.25 de prevención da violencia: unha prioridade de saúde pública da Asemblea Mundial da Saúde de 1996.
Ámbito europeo:
Tratado de Amsterdam de 1997.
Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea.
Ámbito estatal:
Constitución Española.
Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero.
Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
Ámbito autonómico:
Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Decreto lexislativo 2/2015, de 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.
VI Plan Galego para a igualdade entre mulleres e homes 2013-2015.
Acordo de colaboración – Centro de Información ás Mulleres de Ortigueira
O Concello de Cariño ten firmado un acordo de colaboración co Concello de Ortigueira para traballar conxuntamente na promoción da igualdade de oportunidades – incluída a sensibilización, a prevención e a actuación en materia de violencia de xénero – na comarca. Grazas a este convenio, o Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Ortigueira, financiado polo Concello de Ortigueira, a Secretaría Xeral da Igualdade e o Fondo Social Europeo, garantirá a atención das mulleres de Cariño, así como ás doutros concellos da contorna partícipes neste convenio, atención xurídica e psicolóxica cando así o demanden de maneira totalmente gratuíta, ademais de realizar actividades de información, asesoramento, orientación e mellora da empregabilidade e formación.