Historia
A longa historia do actual Concello de Cariño remóntase ao Paleolítico, etapa da que se coñecen diversos materiais líticos atopados na Serra da Capelada. Na mesma serra atopamos como mostras do Neolítico algúns túmulos funerarios ou mámoas, enterramentos consistentes nun montículo de terra que cobre unha cámara (dolmen) construída con grandes pedras.
Da Idade do Ferro, en Galicia Cultura Castrexa, consérvanse os restos dos cinco castros catalogados no Concello. A este período pertencen asemade dous importantes achados: un puñal de antenas e un machado votivo. Ademais, diversos investigadores relacionan o Cabo Ortegal e os Aguillóns cos topónimos Trileuco e Lapatiancorum promontorium, o que amosaría a importancia destes accidentes xeográficos na navegación antiga.
Como vestixios da época romana e altomedieval temos os restos localizados nos arredores da ermida de San Xiao do Trebo, en cuxos muros se reempregaron tégulas e fragmentos de cerámica romana. Á época medieval pertence a Pena do Castelo -na parroquia da Pedra-, unha escarpada elevación rochosa na cal se aprecian restos de muros de cachotería e materiais cerámicos en superficie.
As primeiras referencias escritas de Cariño atopámolas nun documento do Mosteiro de San Martiño de Xubia, datado no 1101, no cal se efectúa unha permuta de posesións entre nobres, entre as que se inclúen terras “in Villa de Carino et alia in Sancto Juliano de Trebula”.
Na Idade Moderna Cariño é un pequeno porto pesqueiro natural no que viven uns 200 habitantes no ano 1580. Aínda que o marqués de Astorga instala unha ferrería en Feás no século XVII, o feito socioeconómico máis relevante foi o establecemento na vila, a finais do século XVIII, de industriais cataláns dedicados á conserva. Este suceso marca o inicio do proceso de industrialización conserveira que terá os seus momentos álxidos nos séculos XIX e XX. Tamén no século XVIII, en resposta ás incursións piratas, constrúense garitas de vixilancia como as situadas no Limo e Herbeira, no actual límite entre os concellos de Cariño e Cedeira.
Ao longo da historia, e ata a segregación, as cinco parroquias do actual concello estiveron sempre baixo a administración do Condado e Concello de Ortigueira, agás un breve período comprendido entre os anos 1823 e 1849, no que formaron parte do Concello de Veiga. En termos eclesiásticos, a vila de Cariño pertenceu á parroquia de Sta. María da Pedra ata o ano 1896, no que se crea a parroquia de San Bartolomeu.
A pesca e a industria conserveira provocan un notable incremento demográfico nos séculos XIX e XX. A finais do século XIX, o censo era duns 1000 habitantes na parroquia de Cariño e a suma das cinco parroquias do actual Concello alcanzaba a cifra de 3653 habitantes.
A memoria colectiva dos cariñeses está marcada polas constantes reivindicacións segregacionistas ante a marxinación exercida polas autoridades da vila de Ortigueira. Os desexos de independencia e rebeldía documéntanse xa no século XVI, pero será no século XX cando agromen con forza. No ano 1918 créase unha Xunta de Defensa con aspiracións segregacionistas, que edita catorce números do xornal El Pueblo de Cariño (1919). As emerxentes inquedanzas de independencia municipal crébanse en 1936 coa Guerra Civil e o inicio da ditadura franquista.
Coa chegada da transición democrática aparecen novas iniciativas veciñais, como a publicación da reivindicativa revista Nordeste, e prodúcense sonadas mobilizacións, como as destinadas a reclamar a construción dun instituto de bacharelato.
O liderado do movemento segregacionista corresponde á Asociación de Veciños, que inicia en 1982 un proceso de separación que durará seis anos, ata que o 21 de xaneiro de 1988 se aproba a creación do Concello de Cariño, no que foi, daquela, a primeira segregación municipal acontecida en Galicia.