O Concello licita as obras de mellora do firme e a seguridade vial na estrada a Cabo Ortegal
O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, sinalou que a materialización do convenio que o Concello de Cariño tiña asinado coa Deputación da Coruña supón “un pulo fundamental na accesibilidade a un dos maiores atractivos turísticos non só de Cariño, senón de toda Galicia”.
O acordo, rubricado polo alcalde e Xosé Regueria, deputado responsable da área de Cooperación cos Concellos, contempla un investimento provincial de 64.000 euros en tanto que o concello aportará 25.907,61 euros.
José Miguel Alonso fixo fincapé na importancia das intervencións previstas xa que axudarán a incrementar a seguridade viaria de veciños e visitantes, contribuindo ao mantemento das infraestruturas cariñesas e afianzando Cabo Ortegal como un punto de referencia no mapa turístico galego.
Os traballos afectan ós 2.000 metros do tramo de titularidade municipal comprendido entre o lugar de A Tortela e o núcleo de San Xiao, e contemplan a sustitución do firme de riego, actualmente moi degradado, por un de aglomerado asfáltico, moito máis resistente e apto para o alto volume de tráfico que a día de hoxe soporta a estrada. Tamén se realizará o pintado das marxes do vial, agora inexistente.
O orzamento total da obra ascende a 89.907,61 euros dos que a Deputación asume o 71,18%.
O concello chegou tamén a un principio de acordo coa Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, propietaria do último tramo da estrada -entre San Xiao e Cabo Ortegal-, para que o ente estatal repoña o firme dos primeiros 800 metros deste treito e, posteriormente, se firme a cesión dos mesmos en prol do Concello dada a importancia estratéxica que a estrada ten para Cariño.
A intervención encádrase dentro do Plan Municipal de Melloras de Accesos no Termo Municipal, que pretende acadar antes do ano 2019 importantes avances en tres viais fundamentáis para o desenvolvemento loxístico e turístico de Cariño: a estrada Mera-Cariño (CP 6121), San Andrés de Teixido-Cariño (DP 2205) e Cariño-Cabo Ortegal.
Neste sentido, no pasado ano 2016 completouse a pavimentación e ensanchamento da estrada Teixido-Cariño, licitada en 835.454 euros pola Deputación da Coruña, o que permitíu establecer e consolidar -en ámbalas dúas direccións- un itinerario turístico estable entre San Andrés-Herbeira-Ortegal, facilitando un importante aumento no número de autocares e visitantes a Cariño.
Deste xeito, e unha vez rematada a actuación sobre a estrada Cariño-Ortegal, o seguinte paso será acometer a reforma da DP 6121 Mera-Cariño no punto negro da Ponte da Ortigueira, lugar onde se veñen producindo accidentes con frecuencia. A día de hoxe a Deputación da Coruña ten adxudicada a redacción do proxecto de ampliación da ponte, que inclúe a demolición dunha vivenda, o que permitirá aumentar as dimensións tanto da vía como das beirarrúas, acrecentando a seguridade viaria de maneira importante.
O goberno municipal de Cariño quere agradecer o compromiso que a Deputación da Coruña vén amosando coa administración local cariñesa, “unha colaboración que axuda a paliar tanto a ausencia de inversión por parte de outras administracións supramunicipais como problemáticas enquistadas que se viñan arrastrando desde fai anos”, sinalou o alcalde.