ACTUALIDADE
De Vacas en Cariño
24 Xullo 2017
O vindeiro domingo 13 de agosto, a partir das 13 horas, no Parque do Concello, estarán con nós DE VACAS.
Cuarteto formado polas vocalistas Paula Romero, Inés Salvado e Faia Díaz e por Guille Fernández á guitarra, están revolucionando o panorama musical galego coas súas versión dos temas de actualidade máis comerciais do momento. Entre eles, podemos atopar Gangnam Style, Single Ladies, El Taxi ou Noche y Día.
Chegan a Cariño para facelo “rapidiño” tal e como cantan en Amodiño, a versión do “Despacito” de Luís Fonsi, vídeo que leva máis de 300.000 reproduccións na súa canle de youtube.
De Vacas defínense como “un cuarteto musical composto por unha guitarra e tres voces. Facemos versións de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Detrás de cada canción mala hai un corazón que queremos reivindicar. Dende as Spice Grils ao Gagnam Style pasando por Enrique Iglesias ou Michel Teló, temazos que marcaron as nosas tardes de domingo na discoteca e que queremos rescatar para vós. Para que lembredes o sabor do primeiro morreo con lingua, o malibú con piña…Sufrimos fanatismo adolescente, tivemos fortes referentes, foron moitas horas practicando playbacks diante do espello, moitas tardes repetindo coreografías diante da tele… nada de tempo perdido, estamos orgullosas e queremos compartilo.”
Dita actuación, que forma parte da programación do XXXIX Aniversario da Mostra de Teatro Galego de Cariño, está cofinanciada a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A entrada é gratuíta.