ACTUALIDADE

COANHADEIRA presenta “Bicos con Luvas” en Cariño

26 Setembro 2017

O vindeiro sábado 7 de outubro, a partir das 20 horas, no Auditorio Municipal, e dentro do programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña, COANHADEIRA presenta o seu disco “Bicos con luvas”. O prezo da entrada é de 3€.

A banda.

Coanhadeira nace no ano 2006 como unha banda de música folque que amosa aqueles “restos” musicais conservados até os nosos días a través da tradición oral da cultura galega. Dese espírito vén o seu nome, xa que as coanhadeiras eran nalgúns puntos de Galiza, as mulleres (tamén a vasoira que empregaban) encargadas de barrer os restos do cereal durante a malla. Grazas á beleza das melodías tradicionais e aos seus directos cargados de forza, esta banda acadou numerosos galardóns e camiñou sobre moitos dos principais escenarios folque do sur de Europa, coma o Festival de Pardiñas, A Carballeira de Zas, o Festival Celta de Ortigueira, o Sauga Folk de Cantabria, o Trobada de Buners (Andorra) ou o Festival Interceltique de Lorient, entre outros.

O espectáculo.

Coanhadeira condensou nunha caixiña todas as pequenas e grandes ideas xurdidas ao longo dos últimos cinco anos. “Bicos con luvas” pretende sumarse en positivo á musica feita en Galiza, sen prexuízos e facer bailable calquera lugar, ateigar do poder percusivo, de letras sorprendentes, de atmosferas sutís, de adornos do país e de anacos dos mundos de cada un dos componentes da formación e do camiño conxunto até hoxe de Coanhadeira.

Por eses camiños, este grupo folque continuará unha traxectoria musical que xa recolleu o recoñecemento do público e da crítica. Gañadora do concurso Nsaio no Camiño 2007 ou do Folk Escenario Prau de Cantabria, Coanhadeira está considerado xa como un grupo referente para o sector.