ACTUALIDADE
Presentación do Proxecto CIUDAD CIENCIA e inauguración da exposición A ESFERA DA AUGA
28 Xaneiro 2020
Acto de presentación do proxecto CIUDAD CIENCIA, que terá lugar o vindeiro venres 31 de xaneiro, a partir das 11.30 horas, no Local Social da Casa do Concello (Avda. da Paz, 2).
Neste acto intervirán o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar e Carmen Guerrero e Violeta Vicente, da Vicepresidencia Adxunta de Cultura Científica do CSIC.
CIUDAD CIENCIA (http://www.ciudadciencia.es/) é un proxecto de divulgación científica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) cuxo fin é que os habitantes de localidades afastadas dos grandes núcleos urbanos coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica.
CIUDAD CIENCIA pon ao dispor das cidades adheridas a este programa actividades de divulgación científica en múltiples formatos (exposicións, conferencias, visitas a centros de investigación, etc.) que se incorporan á programación cultural de cada municipio, así como unha gran variedade de talleres creados por investigadores do CSIC que poden ser presenciais ou online.
Actualmente formamos parte do proxecto 49 localidades de toda España, das cales 3 estaríamos en Galicia (Cariño, Cangas do Morrazo e Nigrán).
Primeiras actividades.
O proxecto comeza coa exposición A ESFERA DA AUGA, que estará no propio Local Social ata o 16 de febreiro. Esta mostra producida polo CSIC e Aqualogy introduce ao visitante no mundo da auga, desde as súas propiedades químicas ata o seu papel na historia e a civilización humana.
A mostra, composta por 20 paneis e un cartel, está dividida en dous grandes bloques. O primeiro, Auga e Natureza, segue o curso do ciclo hidrolóxico, a súa relación co clima e os ecosistemas. No segundo bloque, Auga e Sociedade, a exposición penétrase na influencia do ser humano no ciclo natural da auga, a súa contaminación, así como nas solucións para o acceso á auga potable, sen esquecer a relación da auga coa historia, a saúde e a tecnoloxía.
A exposición conta con materiais didácticos adicionais (unidades didácticas e fichas de experimentos) e audioguías que estarán dispoñibles para poder realizar visitas guiadas.