ACTUALIDADE

Cariño únese á Campaña #EnNegroContraAsViolencias

16 Novembro 2017

O Concello de Cariño asinou o protocolo de colaboración da Campaña #EnNegroContraAsViolencias, na que participamos xunto a outros 74 Concellos, 3 Deputacións e 3369 establecementos e axentes sociais.

Os obxectivos da campaña pasan por fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos de diferentes cores políticas, ademais de implicar ao tecido asociativo, económico, cultural, educativo e social como forma de resposta colectiva ante as violencias. O uso de materiais específicos da campaña por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais axudará a identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero.

25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo simple feito de o seren, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. Segundo os datos da última Macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, un 13% das mulleres residentes en España de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella, un 26% violencia psicolóxica de control —celos, control de horarios e actividades etc.— e un 20% violencia psicolóxica emocional —insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc—. Dende 2003 ata maio do 2017, a Delegación de Goberno rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia, e 780 en España.

#EnNegroContraAViolencia

Co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, no 2015, o Concello de Santiago puxo en marcha a campaña de sensibilización Compostela, en Negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma.

A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.

Partindo desta boa práctica, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social desta campaña, no 2016, dezaseis concellos máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña de sensibilización “En negro, contra as violencias”. 75 municipios  e as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra comparten en 2017  esta iniciativa coa que se quere tinguir de negro toda Galicia para rexeitar as violencias machistas que sufrimos a diario as mulleres.

Podes participar colocando a bandeira da campaña, que podes atopar xunto a outro material na web www.ennegrocontraaviolencia.gal, na túa fiestra ou utilizar nas redes sociais os hashtags:

#CariñoEnNegro    #GaliciaEnNegro     #ContraAsViolencias      #EnNegroContraAsViolencias