ACTUALIDADE

“Artistiña”, documental de Esferobite, en Cariño

13 Setembro 2017

O vindeiro sábado 23 de setembro, a partir das 19.30 horas, no Auditorio Municipal, terá lugar a proxección de “Artistiña”, documental de Esferobite. Ao remate terá lugar unha charla coloquio cos directores do documental: Belén Montero e Juan Lesta. A entrada é de balde.

Artistiña é proxecto documental baseado na experiencia de DSK durante as Residencias para Artistas no Museo MAC. Amósase o panorama artístico e cultural local durante un periodo de crise aínda non superado. Como sobreviven á crise? Por que se van de Residencias? O noso país trata ben aos artistas?

Neste documental aparecen diversos creadores e xestores culturais como Vanesa Castro e Iñaki López (Fur Alle Falle, Cuerpo Astral…), NIN9, Carmen F. Rivera (directora del MAC), Iria do Castelo, Ricardo O’Nascemento, Jeremy Keenan, Miguel Mariño, Anxela Caramés, Ángel Rueda (Director da mostra S8), Enrique Lista, Ánxela Blanco, Claudia Delso, Edu Albo, Feli Guzmán, Sandra Sánchez, Nilo Casares, Manuel Segade, Roberta Venanzi, Paula Freire, Antía Otero, Belén Montero e Juan Lesta.

O documental pretende favorecer o debate sobre como sobrevivir e como tratar aos e ás artistas e á cultura no noso país.

Charla Debate posterior.

O obxectivo principal deste documental é motivar a reflexión sobre como subsisten os creadores, e acercar un modo de vida complexo, esforzado e difícil ao público, desterrando grande cantidade de tópicos que conviven ao redor da vida dos e das artistas.

O debate posterior será dirixido polos codirectores do documental Belén Montero e Juan Lesta, con ampla experiencia en mesas de debate sobre cultura. Ademáis son membros de diversos colectivos que agrupan a creadores en defensa dos seus dereitos.

DSK (Belén Montero e Juan Lesta).

Directores, produtores e creativos da produtora audiovisual e multimedia Esferobite. Dirixiron a súa actividade cara ao videoclip, videocreación, multimedia, instalación e video en directo, recibindo diversos premios e mencións de carácter nacional e internacional. Realizaron videoclips para Fangoria, Astrud, La buena vida, Catty Claret, Alma-X, Josh Prada… e produxeron pezas de videocreación, entre outros para a Muestra INJUVE, Centro Galego de Arte Contemporánea, Fundación Luís Seoane, Museo do Mar de Galicia, Hangar… Expuxeron os seus traballos no Pompidou de Metz, CGAC, La Capella, La Virreina, Fundación Luís Seoane, entre outros. Posúen pezas na colección do CGAC, Artium-Injuve e Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Impartiron clases de audiovisual en diferentes centros de Barcelona como MACBA, Elisava, IED, BAU ou ESDI.