ACTUALIDADE

COMUNICADO CONXUNTO DOS ALCALDES DAS COMARCAS DE FERROL, ORTEGAL E A MARIÑA AFECTADOS POLA INACCIÓN DA XUNTA NA CONSTRUCIÓN DA VAP

10 Xaneiro 2017

Doce dos catorce rexedores das comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña reclaman a Feijóo a unha xuntanza urxente e a convocatoria da Mesa de Seguemento do proxecto comprometida pola Conselleira en Cariño no abril do 2016.

Cariño, 10 de xaneiro.- No mesmo día no que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, inaugura o tramo de 7,9 quilómetros entre Area e Beltrán, de San Cibrao a Celeiro, catorce alcaldes dos concellos de Ferrol, Ortegal e A Mariña, en representación dos nosos veciños e veciñas afectados pola inacción e o continuo incumprimento de promesas adiadas na construción da chamada Vía de Altas Prestacións da Costa (VAP), para a tan necesaria vertebración dos territorios historicamente illados do norte das provincias de A Coruña e Lugo, queremos manifestar o seguinte:

– Os alcaldes das comarcas de Ferrol e Ortegal, que non fomos convidados a esta inauguración oficial, consideramos que pouco hai que publicitar e promocionar xa que o tramo que hoxe se abre acumula un atraso de tres anos e medio e xa fóra licitado no mandato 2005-2009.

– A construción deste indispensable viario, polo que levamos unha década agardando, non avanza pola falla de compromiso do goberno galego, que deixa os anuncios en palabras baleiras de contido xa que non expropiou nin un só metro cadrado dos comprometidos para avanzar na execución do seguinte tramo. A inacción do equipo de Núñez Feijóo ten o seu claro reflexo nos orzamentos autonómicos para o 2017 que, de novo, non inclúen máis que partidas testimoniais para este viario á marxe dos 2,7 millóns consignados para a circunvalación de Viveiro, menos dunha décima parte do investimento que ese treito precisa.

– Consideramos que é unha falla absoluta de respecto institucional e un agravio para os veciños aos que representamos, que se nos exclúa non da inauguración, pero si da convocatoria da Mesa de Seguimento da VAP que fóra comprometida pola Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nunha xuntanza mantida no Concello de Cariño no mes de abril do ano 2016 nun intento autoimpulsado e autoconvocado a fin de desbloquear e impulsar a construción da VAC.

– Ningún dos compromisos adquiridos pola conselleira nesa xuntanza foi materializado case un ano despois, no que entendemos que é un desprezo institucional á palabra dada e, por extensión, aos veciños e veciñas aos que representamos e que demandan esta vía de comunicación necesaria para vertebrar o norte das dúas provincias favorecendo o seu desenvolvemento socioeconómico.

Os alcaldes asinantes reclamamos, do presidente galego, que fixe con urxencia unha xuntanza coa comisión que designemos para representarnos, xa que coidamos que a conselleira titular da área quedou desautorizada ao incumprir, ela mesma, a palabra dada. Reclamamos, asemade, que se active a Mesa de Negociación a fin de desbloquear a construción desta vía no prazo máis breve posible cun cronograma real de inversións e pasos a dar, e se retome o proxecto orixinal da VAP que contemplaba o entronque da nova vía co municipio de Cariño.

Asinado:

Alcaldes dos Concellos de Ferrol, Narón, Neda, Cedeira, San Sadurniño, Valdoviño, Moeche, Cerdido, Ourol, Viveiro, Cariño, Ortigueira.